30/01/13

DÍA DA PAZ

Hoxe conmemoramos no noso centro o Día da Paz.Construímos unha barricada de libros contra a guerra. Dous alumnos do centro leron tamén textos de Gandhi sobre a non violencia, e xuntos recordamos que hai moitos nenos e nenas no mundo que nunca viviron nun país en paz e que non coñecen o significado desta palabra.

18/01/13

ÀNGELO TORRES, HISTORIAS EN PORTUGUÉS

Ângelo Torres, contador de historias natural de Sâo Tomé e Príncipe, inaugurou o ano 2013 como primeiro convidado da biblioteca do IES de Melide. Ângelo xa estivera noutra ocasión no noso instituto, pero a meirande parte do público era a primeira vez que o escoitabamos.
O noso convidado fixo dúas sesións, unha para 1º de BAC no salón de actos, presentado por Adrián Oro, e outra co club de lectura Papalibros, na que ademais de historias compartiu tamén mesa.
Gostamos das súa historias, especialmente a da Tía Miseria e a Morte, que aprendeu da súa avoa, que premiaba aos nenos que se bañaban cun conto.
De paso tamén comprobamos que a diferencia idiomática era mínima e podíamos entedelo perfectamente, xa que o galego nos abre portas para comunicarnos con millóns de falantes doutros continentes.

09/01/13

A VOLTA AO MUNDO EN 80 DÍAS

Velaí este mapa que foi elaborado polos alumnos de TICs de 1º de BAC en colaboración cos alumnos de 1º de ESO, que teñen A volta ao mundo en 80 días de Xulio Verne como lectura en lingua galega. Sobra dicir o útil que vai ser este traballo para que os de 1º de ESO preparen e comprendan mellor o libro. Se cadra é útil tamén para moitos outros que se animen a participar no xogo de pistas deste ano, que, como non, vai tratar sobre viaxes. Parabéns a todos os alumnos participantes (e aos profes que os coordinaron, Xan G. Carballo e Gloria Rguez Íñiguez!).
Ver A volta ao mundo en 80 días nun mapa máis grande