04/11/12

DÍA DA CIENCIA EN GALEGO. RAMÓN VEREA

¿Sabías que a primeira calculadora que multiplicaba foi inventada por un galego?



 Desde os tempos máis remotos,  a humanidade  soñou  con posuír máquinas capaces de realizar cálculos complicados e, así, liberar a sufridos contables e administradores de ter que loitar con grandes sumas, restas, multiplicacións e outras operacións máis complexas. A historia das calculadoras é tan longa  e complicada que dista moito de ser algo sinxelo  de narrar. Trátase dunha viaxe pola historia  da ciencia e a  técnica chea  de nomes e enxeños de todo tipo, ninguén pode atribuírse a paternidade do invento, moitos foron os seus pais.
Un destes pais é Ramón  Silvestre Verea García, escritor e xornalista galego (Curantes 1833 – Bos Aires  1899). No ano 1878, en Nova Iorque,  remata a súa máquina de cálculo. Esta constitúe unha revolución no eido das operacións aritméticas sendo moi eloxiada pola prensa estadounidense. 

P. Morris, biógrafo de Ramón Verea, escribe sobre ela:
 “ A única máquina no mundo que practica por enteiro as catro principais operacións de aritmética, a diferenza das anteriores, que só sumaban ou restaban. A de Verea non só fai isto, senón que multiplica e divide. Capaz de facer cálculos para 9 cifras nos sumandos, multiplicando ou divisor, para seis no multiplicador ou o cociente e para quince no produto ou dividendo. É posible facer con ela dun modo rápido todas as  operacións  máis longas e difíciles por medio dun procedemento mecánico. A máquina ten 14 polgadas de longo por 12 de ancho e 8 de alto. Pesa 50 libras e é toda de ferro, aceiro e metal amarelo”
A máquina de Ramón Verea , premiada coa medalla de ouro na Exposición celebrada en Matanzas (Cuba) por aquel tempo,  foi patentada pero non comercializada, pois o que moveu a Verea a traballar para inventar a súa calculadora foi o desexo de probar que un xenio inventivo pode deixar atrás as eminencias das nación máis cultas, e o afán innato de contribuír con algo ao adianto da ciencia, e non o reembolsar parte ou o total dos cartos invertidos na súa creación.
Actualmente a máquina de Verea  atópase no depósito que a empresa norteamericana IBM, multinacional que fabrica e comercializa ferramentas, programas e servizos relacionados coa informática, posúe na cidade de Nova Iorque.

Ramón Verea , home de mentalidade renacentista , foi un daqueles galegos curiosos que quixeron descifrar algunhas das claves da ciencia aplicada á industria e ao cálculo para reverter no progreso social. A razón e a observación, xunto ao seu carácter emprendedor, foron elementos  substanciais para chegar onde chegou.


Ningún comentario:

Publicar un comentario